Dsc06841

Carlos Fer

Carlos Fernández López,

Pintura

Carlos Fer (Tui, 1997) é artista visual, investigador e docente. Actualmente é investigador predoutoral da Xunta de Galicia no Grupo dx5 da Universidade de Vigo, onde desenvolve o seu doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea. Foi docente na ESDIR (Logroño), na EASD Pablo Picasso (A Coruña) e na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A súa traxectoria artística inclúe residencias e estadías de investigación na Cité Internationale des Arts (París, 2025-2026), CRA Matadero (Madrid, 2025), Walter & Nicole LeBlanc Foundation (Bruxelas, 2025), LUCA School of Arts (Bruxelas, 2024-2025), Residencias Artísticas Nortear da AECT (A Coruña, 2024) e a Residencia de Creadores Emerxentes no Pazo de Mariñán (Bergondo, 2023).

Entre os seus recoñecementos destacan o segundo premio do XVIII Certame de Artes Plásticas Deputación de Ourense (2025), gañador do programa In Situ da Fundación Carasso (2025), a Bolsa Novos Valores da Deputación de Pontevedra (2025), o Premio do Público no Festival Internacional Intersección (2024), gañador dos Proxectos Expositivos do Concello de Vigo (2024-2025), o Primeiro Premio do XXI Certame de Pintura da Universidade de Vigo (2024) e o Premio Fin de Carreira Xunta de Galicia (2021).

O seu traballo foi presentado en exposicións individuais como Limiares Acuosos (Casa da Cultura Galega, Vigo, 2025), Letting the Painting Fall (Sint Lukas Gallery, Bruxelas, 2025) e Pregar a Pintura (Museo Provincial de Pontevedra, 2024), esta última como comisario. Entre as súas exposicións colectivas destacan o XIX Premio Isaac Díaz Pardo (2025), a 32 Bienal de Pontevedra (2025), a XV Bienal de La Habana (Cuba, 2024), SCHENGEN na Valentiny Foundation (Luxemburgo, 2023), o XIII Premio Auditorio de Galicia (2023) ou o Premio Nacional de Pintura Casimiro Sainz (Cantabria, 2023 e 2024), entre outras. Tamén participou en festivais internacionais de cinema e videoarte como o VII Festival Intersección (A Coruña, 2024), o XI Festival Internacional de Videoarte FIVA (Buenos Aires, 2023) e no XIX Festival Internacional de cine Curtocircuito, (Santiago de Compostela, 2022).

A súa obra forma parte de coleccións institucionais e privadas, destacando as Coleccións Artísticas da Deputación da Coruña, da Deputación de Ourense, da Universidade de Vigo e da empresa Galchimia. Publicou libros, comunicacións en congresos, capítulos e artigos especializados en arte contemporánea, nos que traballa sobre as calidades brandas que definen a pintura e os seus límites mutantes.

As cookies axúdannos a ofrecer os nosos servizos. Ao utilizar os nosos servizos, aceptas o uso de cookies.