Comunicado: O Arquivo Pacheco e o patrimonio fotográfico galego
14 / 09 / 2026
Unha investigación publicada por El Salto en xuño de 2026 confirmou que o Arquivo Pacheco, o fondo fotográfico máis completo da historia de Vigo, segue a deteriorarse baixo a custodia do Concello de Vigo, que o adquiriu hai máis de tres décadas, ata o punto de que, segundo esa mesma investigación, preto de 60.000 imaxes poderían estar xa afectadas polo deterioro. Dende A Colectiva manifestamos a nosa indignación, non como caso illado, senón como síntoma dun problema que atravesa todo o patrimonio fotográfico do país.
Unha investigación publicada por El Salto en xuño de 2026 confirmou que o Arquivo Pacheco, o fondo fotográfico máis completo da historia de Vigo e un dos máis importantes de Galicia, segue a deteriorarse baixo a custodia do propio Concello que o adquiriu hai máis de tres décadas, ata o punto de que, segundo esa mesma investigación, preto de 60.000 imaxes poderían estar xa afectadas polo deterioro. Dende A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia, manifestamos a nosa indignación, non como caso illado, senón como síntoma dun problema que atravesa todo o patrimonio fotográfico do país, e esiximos unha resposta institucional urxente, que detallamos ao final deste comunicado.
O Arquivo Pacheco reúne preto de 140.000 imaxes que documentan Vigo e a súa comarca dende 1870 ata os anos setenta, herdanza de catro xeracións de fotógrafos vinculados ao estudo que Filippo Prosperi fundou xunto coa súa muller, Cándida Otero. Tras a morte del, ela levou o negocio en solitario oito anos, ata asociarse en 1907 con Jaime de Sousa Guedes Pacheco. O estudo pasou definitivamente á familia de Pacheco tras a morte de Otero, en 1915. O Concello de Vigo mercou a colección en 1991, cun convenio que o obrigaba a convocar anualmente un premio, habilitar unha sala de exposicións permanente e conservar as placas en condicións adecuadas. Ningún destes compromisos se cumpriu con continuidade, e o arquivo pasou boa parte destas tres décadas practicamente inaccesible e sen catalogar, mudando de equipo cada vez que cambiaba o goberno municipal, mentres os fungos avanzaban sobre as placas.
Houbo un paréntese de traballo serio entre 2007 e 2011, cando Vítor Vaqueiro e o seu equipo (Pablo Prado, Pilar Abades e Isabel Llantada) catalogaron máis de 25.000 fotografías, dixitalizaron preto de 12.000 placas e construíron unha base de datos pública con 45.000l imaxes, ademais de tecer unha rede de máis de cen veciñas e veciños que axudaban a identificar persoas e lugares. A finais de 2011, xa baixo maioría absoluta de Abel Caballero, todo ese equipo foi cesado co argumento dunhas obras de accesibilidade que nunca chegaron a rematar, e non se volveu contar con el. Hoxe o acceso segue restrinxido, os equipos informáticos son obsoletos, e unha parte indeterminada do fondo xa se perdeu polo dano dos fungos.
O que lle pasou a Pacheco non é excepcional. O arquivo Llanos, doutra saga de fotógrafos vigueses, acabou marchando enteiro cara ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, en Ourense, despois de que o Concello nunca lle ofrecese a Ángel Llanos un acordo á altura en vida. O legado do fotógrafo coruñés Francisco Pillado González permaneceu case cincuenta anos en mans da súa familia, sen respaldo institucional ningún, ata que en 2025 foi doado á Real Academia Galega, que se comprometeu a darlle acceso público.
O fondo da fotógrafa viguesa Mary Quintero, que en 1952 abriu en Vigo o primeiro estudo fotográfico rexentado por unha muller na cidade, acabou en 2022 no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, un arquivo xeral que non foi pensado para a fotografía como patrimonio específico. O de José Suárez, unha das grandes figuras da fotografía galega do século vinte, sobreviviu porque o seu sobriño, o fotógrafo Xosé Luís Suárez Canal, se mergullou no arquivo e fundou, xunto con Manuel Sendón, o Centro de Estudos Fotográficos de Vigo. Esta pequena entidade nunca foi depositaria oficial de nada, pero foi quen realmente sostivo o coñecemento técnico sobre case todos estes fondos, e xa en 1985 definiu entre os seus obxectivos "recuperar, estudar e difundir a fotografía histórica galega". Catro décadas despois, ese obxectivo segue sen ter unha institución pública detrás.
Hai xeitos de facer as cousas doutro modo, como xa fan algunhas comunidades autónomas. É o caso do Centro Andaluz de la Fotografía, en Almería dende 1992; do Centro de Fotografía Isla de Tenerife, en Santa Cruz de Tenerife dende 1989 e hoxe integrado en TEA; do Centre Internacional de Fotografia Toni Catany, en Llucmajor dende 2023; do Centro Nacional de Fotografía, en Soria, aprobado en 2023 e coa apertura prevista para 2026; e do Pla Nacional de Fotografia catalán, en marcha dende 2015. Boa parte destes centros non se limitan a gardar fotografías en condicións adecuadas, senón que tamén traballan de forma activa para dar a coñecer o medio fotográfico e as súas posibilidades, con exposicións, obradoiros, publicacións e investigación propia.
En Vigo tamén se chegou a construír un edificio pensado para un Centro Galego de Fotografía, un proxecto herdado dun goberno anterior que o seguinte nunca chegou a facer prosperar. Abriu as portas en maio de 2015 como Centro de Arte Fotográfica de Vigo, tras un investimento próximo aos dous millóns de euros, mais pechou de forma provisional só tres meses despois. O edificio acabou sendo cedido á Deputación de Pontevedra, que ten alí a súa sede en Vigo dende xaneiro de 2020.
En xaneiro de 2024, máis de cen fotógrafas, fotógrafos, historiadoras da arte e comisarias asinaron un manifesto colectivo esixindo a creación dun Centro de Fotografía Galego, alertando de que boa parte deles se foi deteriorando ou perdendo co tempo, e que outros sobreviven só grazas ao esforzo da cidadanía, mentres as institucións que si conservan algúns fondos non contan co equipamento nin co persoal necesarios para garantir a súa conservación, dixitalización e difusión. E aínda hoxe, esa demanda segue sen resposta.
Recentemente, como sinala este artigo do Faro de Vigo, desde a Concellería de Cultura declaran que o material histórico está inventariado ao 100%, asegurando que ademais de mellorar as condicións de ambientales dos arquivadores, se fará unha exposición para o vindeiro ano. Se ben vemos con bos ollos esta resposta desde a administración, consideramos preciso tomar accións máis espefícicas que garantan a súa conservación.
Por iso, dende A Colectiva pedimos:
- A restitución dun equipo técnico profesional e estable ao Arquivo Pacheco, con garantías de continuidade máis alá dos cambios de goberno, para completar a súa catalogación e dixitalización.
- Un plan de conservación de urxencia, con illamento inmediato das placas afectadas por fungos e mellora das condicións de almacenamento, que deteña o dano antes de que se converta en irreversible.
- A reactivación do proxecto dun Centro Galego de Fotografía, cun programa estable de conservación, investigación e difusión.
- Unha atención particular á recuperación de arquivos de autoría feminina, moitos deles descoñecidos ou infravalorados precisamente por seren de mulleres.
- Liñas de axuda específicas para apoiar a custodia dos arquivos fotográficos privados de xeito que poidan ser convervados co apoio financieiro institucional
- Un compromiso orzamentario sostido no tempo, non suxeito aos cambios de goberno municipal ou autonómico.
O patrimonio fotográfico galego non é un asunto menor nin un capricho esteticista, é a memoria visual dun país enteiro, e cada ano que pasa sen unha resposta institucional á altura é memoria que se perde para sempre.
A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia